jueves, 23 de abril de 2009

"O niño xeitoso"

Nunha aldea moi bonita, vivían Xulia e Antía, que eran irmás.
Un día de primavera levantáronse e viron que no seu alpendre había un niño con tres paxariños.
Antía, que era a máis pequena, foi correndo a chamar ao seu pai; mentres, Xulia, que xa era maior, colleu o seu móbil para gravalos.
Cando Antía chegou co pai, moi emocionada, na parede da horta había unha paxara con comida no peteiro para dárllela, e tiveron que esperar a que comesen.
A Epic, que era o seu pai, gustáronlle moito os paxariños e así estiveron un bo anaco contemplándoos e falando deles.

Uns días despois, foron os amigos da pequena para velos. Algúns queríanos coller; pero o pai explicoulles que, se os tocaban, a nai non os quería e eles eran moi pequeniños para sobrevivir.
Os animaliños ían medrando e fixéronse moi piadores e moi alegres.
As dúas irmás daban conta tódolos días deles para que ninguén lles fixese nada; tamén os pais prometeron vixialos algo de noite por se unha raposa que vai a miúdo por alí se lle ocorría tiralos abaixo.

O conto foi que un día, a primeiros do verán, Xulia foi espertar á súa irmá e díxolle que os paxariños xa non estaban.
Antía botouse da cama correndo e chorando, pero no niño non había nada. Trataron de explicarlle que tiñan que voar, que así era a natureza.
O niño segue alí, no mesmo sitio. Ao mellor este ano gústalle a outra familia e ten alí os seus filliños, pois é un niño moi xeitoso.
Clara

1 comentario: